Tuesday 14 de May de 2024

En marcha as obras de mellora e ampliación do parque infantil da Sardiñeira, onde se instalará unha nova estrutura multixogo e un bambán inclusivo


Desta forma, o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha solicitude da cidadanía que resultou gañadora nas convocatorias dos Orzamentos Participativos

O Concello da Coruña comezou a semana pasada as obras de ampliación do parque infantil da Sardiñeira, unha intervención solicitada pola cidadanía nas convocatorias dos Orzamentos Participativos e que suporá a remodelación completa desta infraestrutura, sobre unha superficie de 250 metros cadrados, próxima ao Centro Cívico dos Mallos.

Actualmente, no parque hai dúas áreas de xogo, separadas entre si por unha pequena parcela que dificulta o uso no conxunto do parque, ao ateigarse de auga nos días menos favorables de previsión meteorolóxica. Por iso, está previsto acometer a unión das dúas áreas xa existentes, creando un novo formato rectangular que facilitará a instalación de novos xogos.

O desenvolvemento da obra civil esixirá, en primeira instancia, a execución dun novo pavimento de formigón armado con fibra de polipropileno, de 10 centímetros de espesor.
Sobre el disporase, xa a posteriori, un novo firme de caucho sintético, en tonalidades azul e ocre, con diferentes espesores en función da ubicación dos xogos.

Un novo bambán-cesto no sector esquerdo do parque

Está previsto que os novos xogos do parque infantil da Sardiñeira estén situado no sector esquerdo do mesmo. A este respecto, o Goberno de Inés Rey ten previsto incorporar un novo bambán-cesto múltiple, inclusivo, e unha nova estrutura multixogo de trepas e cordas, ideada para nenas e nenos de entre 5 e 12 anos.

Xa no sector dereito do parque, situaranse os antigos xogos existentes, toda vez se complete a súa restauración.
En total, cando se completen os traballos, a rapazada poderá disfrutar de 11 xogos de diversa tipoloxía, contabilizando os novos e os que se recuperarán.

Avanza a primeira fase de traballos

O servizo municipal de Infraestruturas xa instalou días atrás o valado perimetral que delimita as áreas de intervención, e ademais, retirou temporalmente os xogos xa existentes, que serán sometidos a traballos de restauración para a súa posterior reubicación no parque.

Estes traballos de restauración suporán, a grandes rasgos, a recuperación e tratado dos materiais da antiga torre multiaventura, os bambáns, balancíns, minicarruseis e muelles.
No tocante á actuación completa, a estimación do Concello é que as obras se completarán en 3 meses. O investimento previsto é de algo máis de 85.000 euros.